Dereito e Música en diálogo: éxito na segunda edición do curso de verano "Sinergias entre el Derecho y la Música"

Un curso que une o Dereito e a Música dende múltiples perspectivas.

Información del evento
Inicio:
3 de Outubro de 2025

Durante os días 16 a 18 de xullo de 2025 celebrouse a segunda edición do curso de verán “Sinerxías entre o Dereito e a Música (II)” coa participación de varios membros do grupo de investigación De Conflictu Legum tanto na organización do curso como na súa impartición. Do mesmo xeito que o ano pasado, o alumnado puido aprender destes profesionais e doutros que se desprazaron ata Santiago procedentes das Universidades de Zaragoza, Valencia, Oviedo, Madrid e Sevilla. Os matriculados, pola súa banda, tamén viñan de diversos ámbitos e territorios, o que corroborou a idea do curso de estar aberto a disciplinas máis alá da xurídica, especialmente a musical, e de levar os seus ensinamentos alén das nosas montañas galegas.

Aínda que o ano pasado centramos a temática no discurso interpretativo, tanto xurídico como musical, este ano quixemos ampliar o espectro e, sen abandonar estas cuestións hermenéuticas, houbo espazo para as leis reguladoras das ensinanzas artísticas, o impacto da Intelixencia Artificial na música, ou a propiedade intelectual da investigación e composición musicais.

A primeira mesa, moderada pola Catedrática de Dereito civil desta casa Antonia Nieto Alonso, tivo como eixo a análise xurídica de algunhas cuestións de Dereito de familia e de Dereito de contratos. Tomou a palabra en primeiro lugar Encarna Roca Trías, maxistrada do Tribunal Supremo (2005-2012) e do Tribunal Constitucional (2012-2021). Con mestría foi guiándonos polos intricados familiares dos librettos das óperas de Richard Wagner, sinaladamente as da serie do Anel do Nibelungo. Entre outras cousas, preguntouse se a relación existente entre Wotan e Frika, ou entre Sieglinde e Hunding, se podería cualificar hoxe en día de matrimonial, tendo en conta que no libreto Sieglinde explica: “O clan dos homes / Sentaba aquí na sala / Convidado por Hunding á voda: / Casaba el cunha muller / Que, sen ser preguntada / Ladróns lle regalaron por esposa.” Como ben sinalou a Dra. Roca, segundo o art. 45 do noso Código civil non hai matrimonio sen consentimento, e neste caso o de Sieglinde a todas luces falta.

Do Dereito de familia pasamos ao de contratos, outro gran piar do Dereito civil, do que é experta a Catedrática María Paz García Rubio. O seu discurso partiu das seguintes cuestións: a primeira, sobre a posibilidade de limitar as liberdades de expresión e creación artísticas por contrato. En segundo lugar, tamén se formulou os límites á inversa, pois os contratos do sector artístico poderían verse, á súa vez, limitados polas referidas liberdades, que teñen rango de dereitos fundamentais. A profesora utilizou varios casos reais para ilustrar algunhas posibles respostas a estas cuestións, pois unha única sería imposible dada a variedade de contratos presentes no sector artístico e as particularidades de cada caso. Entre outros, utilizou o suposto dunha cantante que aparecía vinculada á súa editora discográfica practicamente de por vida, e que mediante unha cláusula penal impedía que resultase factible desligarse do contrato, motivo polo que o xulgado de primeira instancia estimou nulo o contrato.

Tras a pausa café, a segunda mesa do curso foi moderada pola profesora da Universidade de Córdoba Celia Prados García. En primeiro lugar, interveu o catedrático emérito de Dereito Civil da Universidade de Zaragoza, o profesor Jesús Delgado Echeverría, quen fixo un percorrido por varias das normas técnicas, sociais e xurídicas da práctica musical. Así, entre outras curiosidades explicou que en 1887 os franceses, tras a Conferencia de Viena, fixaron a frecuencia da nota La en diferentes alturas dependendo de se se trataba dunha orquestra sinfónica (en 442 Hz, para que soase máis “brillante”), de cantantes (en 435 Hz), ou a que consideraron “natural” (432 Hz). Todo isto foi evolucionando cara á creación de normas ISO ao longo do século XX, sobre estándares acústicos de frecuencia musical. Tamén nos falou o profesor Delgado das normas de etiqueta sobre os frac dos músicos que se implantaron con Von Karajan como director, e moitas outras cuestións sobre os castrati na Igrexa ou a prohibición de representar óperas en Coresma.

Esta conferencia foi seguida pola impartida polo compositor galego Joam Trillo, que nos foi guiando polos intrincados da notación musical e afinación dos instrumentos ao longo da historia. Así, explicou o que supuxo a invención do sistema temperado; tamén, enlazando coa presentación anterior, indicounos dende o punto de vista musical o porqué do cambio do diapasón de 370 Hz a 435 Hz durante o barroco, e finalmente a 440 Hz coa chegada das grandes formacións orquestrais.

A xornada da tarde do día 16 dedicouse integramente a analizar de forma sintética varios temas xurídicos de grande interese para os profesionais da música: o impacto que está a ter a Intelixencia Artificial no sector, os delitos contra a propiedade intelectual recollidos no noso ordenamento xurídico, e por último algunhas cuestións sobre validez e eficacia dos contratos do sector musical. Todo isto foi moderado polo profesor e investigador Hernán Cortez, membro do grupo organizador do curso. A relación entre música e IA foi exposta pola profesora Paula Vega García, da Universidade de Oviedo, quen primeiro debullou os diferentes dereitos de autor que se xeran sobre unha obra musical, podendo diferenciarse, no seu caso, o compositor, o letrista e o produtor musical, ademais dos dereitos conexos que concorren para os intérpretes e a produción executiva. A través de diferentes casos reais, explicou como estaba a situación do adestramento da IA con música, non existindo aínda unha resposta unánime nin no noso país nin nos veciños, o que xerou un intenso debate co alumnado. A continuación, pasamos ao ámbito penal da man da profesora desta casa María Castro Corredoira, quen describiu as características do tipo básico de delito contra a propiedade intelectual. Así, os alumnos coñeceron que condutas se sancionan, que é considerado plaxio polos tribunais, ou que tipo de dolo se esixe nestes casos; e todo iso condimentado con supostos reais como o que afectou a un coñecido musical. Como colofón da tarde, o profesor Borja del Campo, da Universidade de Oviedo, volveu sobre algunhas cuestións contractuais espinosas: partindo do exemplo dun contrato discográfico, explicou as nocións de validez/invalidez e eficacia/ineficacia contractual. Rematou cunha mención á patroa da música, Santa Cecilia, recomendándonos a visita a Bolonia e á súa Pinacoteca, na que se atopa o cadro de Rafael no que se ve á santa sostendo un órgano nas súas mans, con varios instrumentos musicais aos seus pés, e mirando cara a un coro de anxos.

A primeira mesa da xornada do xoves 17 de xullo, moderada pola profesora da Universidade Complutense de Madrid Eugenia Torres Costas, comezou cun repaso da Lei 1/2024, sobre ensinanzas artísticas superiores, da man do experto administrativista Antonio Embid Irujo, Catedrático da Universidade de Zaragoza. Tras realizar un percorrido histórico polas principais normas que dende o século XVIII regularon no noso país os estudos artísticos, o profesor expuxo as novidades da lei – entre outras, a esixencia de estudos de doutoramento para determinados corpos de profesorado – e as singularidades que presentan estas ensinanzas, entre outras que a atención ao alumnado é moito máis personalizada. A diferenza doutros países do noso contorno, a Lei 1/2024 segue sen integrar estes estudos no organigrama universitario – se ben están equiparados, como estudos superiores que son. Como explicou o profesor, aínda que na universidade tradicional tampouco encaixarían, si expuxo as razóns polas que abogaría por que se integrasen en universidades artísticas. Varias foron as cuestións que xurdiron no debate posterior por parte de alumnos provenientes de conservatorios superiores de música, centros nos que a mencionada lei afectará de cheo – sempre e cando se materialice o proxecto de Real Decreto que a implante definitivamente.

A continuación, chegou a quenda do profesor Juan Ureña Salcedo, tamén experto en Dereito administrativo, proveniente da Universidade de Valencia. Tras falarnos da complexa doutrina francesa dos actos separables, ilustrounos sobre os diferentes convenios administrativos asinados en materia artística, poñendo varios exemplos. Tamén falamos sobre as dificultades de diferenciar, en ocasións, os réximes – laboral, civil, administrativo – nos que se insiren as actividades artísticas contratadas.

A segunda mesa da mañá, moderada pola nosa alumna colaboradora Lucía Rodríguez Lema, combinou cuestións de propiedade intelectual vistas dende ambas perspectivas, a musical e a legal. A primeira veu da man da profesora de música e coordinadora do grupo Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela, Montserrat Capelán, quen comezou explicando como funcionaban as tarifas fixas que durante o século XIX se tiñan que pagar ás chamadas “galerías líricas”, que alugaban as óperas e zarzuelas. Como exemplo, falounos de Canuto Berea, que ademais de director de orquestra e violinista, levaba todos os dereitos das galerías líricas da Coruña. Tamén plantexou cuestións sobre propiedade intelectual que actualmente xorden durante a investigación que levan a cabo no seu grupo, algunhas das cales respondeu o seguinte poñente, o avogado Martín Bello Castro. O letrado centrou a súa charla nos dereitos dos intérpretes da música en vivo, comezando por explicar a simbiose que existe entre interpretación e obra musical, xa que ningunha pode coexistir sen a outra. Aclarou que se entende por intérprete, concepto que non cabe atribuír ás persoas xurídicas (como poderían ser os coros ou orquestras) e destacou, de entre todos os dereitos que lles outorga a Lei de Propiedade Intelectual, o dereito de fixación da súa interpretación.

A tarde do xoves 17 cambiamos de ubicación, desprazándonos á Igrexa da Universidade, onde o organista da Catedral de Santiago, Adrián Regueiro, nos comentou algunhas peculiaridades do órgano como instrumento musical: a súa invención, o seu desenvolvemento a través da historia de occidente, as súas características técnicas e sonoras… así como anécdotas do seu traballo como organista da catedral de Santiago que fixeron moi amena a súa charla. A continuación, desfrutamos dun concerto ofrecido pola profesora e organista Marisol Mendive. Así, o alumnado procedente de distintos ámbitos académicos puido comprobar de preto o complexo funcionamento dun órgano de tubos. A organista, a través dun programa musical deseñado expresamente para este órgano do século XIX, mostrou a beleza sonora deste instrumento histórico a través de tocatas, sonatas, preludios, bailes e batallas. Os asistentes ao curso amosaron unha gran satisfacción por unha tarde diferente e inesquecible.

Dado que na tarde do xoves predominara a interpretación musical, a última xornada do curso reservouse para a interpretación xurídica. Así, o venres 18 a mesa estivo integrada polos profesores Manuel García Mayo, da Universidade de Sevilla, e Marta Otero Crespo, desta casa. Moderados pola profesora Roca Trías, comezou a nosa compañeira civilista partindo da máxima expresada por M. Caterini: “O Dereito, do mesmo xeito que a Música, é unha disciplina performativa.” Por iso, desmentiu outra máxima tan repetida (in claris non fit interpretatio), pois mesmo en casos non moi difíciles faise necesaria unha interpretación por parte do xurista das normas aplicables, o que ilustrou con diferentes casos chegados aos tribunais, entre eles o coñecido de Matilde e “Pacicos”, no que o que parecía só unha carta de amor resultou ser, á súa vez, un testamento ológrafo no que a primeira lle deixaba “todo” ao seu amado Pacicos.

A continuación, o profesor García Mayo comparou as diferentes interpretacións que se poden facer dunha mesma norma, concretamente a do art. 96 do Código civil, na que se establece a quen corresponde o uso da vivenda familiar en caso de ruptura da parella. O profesor sevillano preguntouse se a convivencia cun terceiro sería causa para que se extinguise o uso da vivenda familiar atribuído. Opción esta a do TS, que o profesor rexeitou atendendo a unha interpretación do precepto do CC que tivese en conta a finalidade da medida: manter aos menores no lugar no que residían antes da ruptura de convivencia dos seus proxenitores. Outra cuestión interpretativa que puxo enriba da mesa foi a de contemplar a existencia dun testamento ológrafo electrónico, que o poñente defendeu interpretando a norma segundo a realidade social actual, o que xerou un interesante debate co público asistente, alumnado e profesorado incluídos.

Concluída esta última mesa, e tras unha merecida pausa café, a directora do grupo de investigación De Conflictu Legum, María Paz García Rubio, xunto coa directora do curso, Julia Ammerman Yebra, puxeron o punto (ou acorde) final ao curso, agradecendo a acollida que tivo entre o alumnado e a xenerosidade de todos os profesores participantes; e desexando que, se as circunstancias o permiten, se poida celebrar unha terceira edición en anos vindeiros.