Seminario de aproximación Jurídica al Art Brut y a los Artistas con Discapacidad - Marzo 2023

Información del evento
Lugar:
Facultad de Derecho USC
Inicio:
9 de Marzo de 2023
Finalización:
9 de Marzo de 2023
O seminario “Aproximación Xurídica ao Art Brut e aos Artistas con Discapacidade”, celebrado o pasado xoves 9 de marzo de 2023 na Facultade de Dereito da USC, reuniu a diversos especialistas dos ámbitos xurídico, médico e artístico. Tras unhas breves palabras do profesor Jesús Delgado, Catedrático emérito de Dereito civil da Universidade de Zaragoza, quen incidiu sobre a importancia da toma en consideración deste tema -con independencia da súa necesaria ou non regulación xurídica – as psiquiatras Chus Gómez e Alcira Cibeira, do Hospital de Piñor (Ourense), mostráronnos o Proxecto “Arte Espida” que teñen actualmente no centro, e que non só estuda o efecto clínico estabilizador que a arte pode proporcionar a determinados pacientes, senón que ademais pretende dar a coñecer a enorme colección de Art Brut e de obras realizadas no hospital para que se valore por toda a cidadanía a capacidade artística por si mesma. A algunhas das dúbidas xurídicas expostas por estas profesionais médicas referíronse as profesoras María Paz García Rubio, catedrática de Dereito civil da USC, e Eugenia Torres Costas, investigadora da UPO. Nas súas intervencións centráronse en cuestións como o consentimento dos artistas para a exposición das súas obras, ou a posibilidade de expresar por medio dos poderes preventivos, como medida de apoio voluntaria que é, a vontade do artista que prevé unha discapacidade futura. Pola súa banda, a investigadora Fernanda Magalhaes, da Universidade do Porto, ilustrounos sobre a tecnoloxía blockchain e os contratos intelixentes como medios para fomentar a inclusión dos artistas con discapacidade. E finalmente Julia Ammerman Yebra, profesora axudante da USC, exemplificou con un caso real as previsións ou axustes que se poderían conter nos contratos con artistas.  
 
O formato de mesa redonda no que se celebrou o seminario fomentou o debate entre todos os participantes. Ademais do artista David González, autor do cadro reflectido no cartel do seminario, estiveron presentes e interviñeron Milagros Otero, catedrática de Filosofía do Dereito da USC, Blanca Taboada e Sonia Caldas, de Down Compostela e Down Galicia, Isabel Louro, notaria e exdecanoa do Colexio Notarial de Galicia, así como varios profesionais da psiquiatría e do dereito. Sen dúbida, foi unha xornada enriquecedora na que todos aprendimos e na que, incluso tras tres horas de coloquio, quedaron infinitude de cuestións no tinteiro, polo que esperamos que teña, polo menos, unha segunda edición.