Seminario de aproximación xurídica á arte urbana e aos grafitis - Marzo 2023

Información del evento
Lugar:
Facultad de Derecho USC
Inicio:
27 de Marzo de 2023
Finalización:
27 de Marzo de 2023
O luns 27 de marzo celebramos o II Seminario sobre artistas marxinais, esta vez aproximándonos xuridicamente á Arte Urbana e aos Grafitis. Dividido en tres partes, a primeira delas puxo sobre a mesa cuestións de dereitos de autor, de contratación e de espazo público: a profesora Elena Vicente Domingo, Catedrática de Dereito civil da Universidade de Burgos, sintetizou as principais problemáticas coas que nos atopamos á hora de protexer os grafitis polo dereito de autor. A continuación, María Pilar López García, Xestora de proxectos en Smartib (Cooperativa de impulso empresarial para o sector artístico e cultural), contou algúns casos chegados ás súas mans sobre a actividade grafitera. Finalizou esta primeira sección o profesor Antoni Rubí Puig, Profesor Agregado de Dereito civil da Universitat Pompeu Fabra, quen acompañou a súa exposición sobre a contribución dos artistas á narrativa visual dos espazos públicos coa proxección de diversos grafitis e murais da Cidade Condal. 
 
A segunda parte do seminario, focalizada na figura dos artistas grafiteros e de arte urbana, comezou coa exposición da profesora Maria Raquel Guimarães, Professora Associada de Dereito Civil da Universidade do Porto, quen se centrou no estudo do grafiti desde a perspectiva da personalidade do artista, como manifestación do dereito á liberdade de expresión e o dereito á creación persoal. Seguiuna o grafitero e deseñador Asier Vera, falándonos da súa experiencia como artista tanto a nivel nacional como internacional. Por último, abrimos un coloquio dando a palabra ao resto de participantes do seminario: ao grafitero Víctor Rodríguez Porto; ás profesoras María Paz García Rubio, Isabel Espín Alba, Margarita Herrero Oviedo, Antonia Nieto Alonso e Julia Ammerman Yebra; aos doutorandos José Núñez Cerviño, Ignacio Varela Castro, Beltrán Puentes Cociña e Hernán Cortez López; e ao alumno Samuel Fernández Chorén. Tamén nos acompañaron desde a distancia e entre outros, a restauradora Rita Lucía Amor García, a profesora Teresa Carballeira Rivera e os doutorandos Covadonga López Suárez e Alejandro Nieto García. Ademais das cuestións máis técnicas concernentes ao mundo grafitero -como o mítico conflito entre os propietarios do soporte e os dereitos de autor do artista -  houbo tempo para reflexionar, desde o punto de vista xurídico, sobre cuestións postas de manifesto polos artistas alí presentes como o valor da arte, a súa natureza eminentemente transgresora, a función preventiva e protectora do Dereito, ou a importancia de realizar bos contratos.