Sinerxías entre o Dereito e a Música - Edición 2026
Resumo do curso de verán
- Lugar:
- Facultad de Derecho USC
- Inicio:
- 1 de Xullo de 2026
A terceira edición do Curso de verán “Sinerxías entre o Dereito e a Música” tivo lugar os días 1, 2 e 3 de xullo de 2026 na Facultade de Dereito e na Igrexa da Universidade. Organizado polo grupo De Conflictu Legum, nesta edición convidamos a profesores de Coímbra, Zaragoza, A Coruña, Oviedo, Madrid, Ourense, Valladolid e Santiago de Compostela. O programa constou de seis mesas e dous obradoiros, intercalando en todos eles a análise xurídica de forma parella á musical. A primeira mesa, “Ópera e Dereito”, moderada pola Catedrática de Dereito civil desta casa Antonia Nieto Alonso, contou cos relatorios de Encarna Roca Trías, maxistrada do Tribunal Supremo (2005-2012) e do Tribunal Constitucional (2012-2021), e de Fátima Yáñez Vivero, Catedrática de Dereito civil da UNED. A primeira, partindo do argumento da ópera Lady Macbeth de Shostakovich, analizou as relacións entre a música e o poder, así como os límites que, segundo o réxime político imperante en cada época e país, se interpuñan á liberdade de creación dos artistas. A segunda, utilizando como fío condutor a ópera de Puccini Madame Butterfly, cuxo libreto escribiu un xurista, ilustrounos sobre diferentes cuestións presentes na obra relativas ao dereito de familia e ao dereito de contratos, desde unha perspectiva comparada entre o dereito xaponés da época e o español.
Os profesores Jesús Delgado Echeverría, catedrático emérito de Dereito civil da Universidade de Zaragoza, e Paula Vega García, profesora de Dereito civil da Universidade de Oviedo, constituíron a segunda mesa, sobre Intelixencia Artificial e Música. Moderados por Celia Prados García, profesora de Dereito civil da Universidade de Córdoba, o primeiro partiu da pregunta sobre que significa a “música xurídica”. Desde aí, construíu o seu relatorio con reflexións en torno á Marcha da Xurisprudencia (1885) de Tchaikovsky, ou á Cantata dos Dereitos Humanos “Yes, Speak Out, Yes” (1968) de Cristóbal Halffter. Pola súa banda, a profesora de Oviedo utilizou diferentes casos chegados aos tribunais estranxeiros nos últimos tempos, nos que se discutía a orixinalidade de obras xeradas por IA, para explicarnos o estado actual da regulación –ou propostas de regulación– en materia de propiedade intelectual e sistemas de IA.
A sesión da tarde, moderada pola Catedrática de Dereito civil da Universidade das Palmas de Gran Canaria, Carolina Meso Marrero, reservouse para a análise xurídica da actividade musical desde diferentes perspectivas, sendo a primeira delas máis práctica dada a consolidada experiencia de Pablo Morán, músico popular profesional. El comentou os problemas da lexislación da actividade musical e as trabas, tanto legais como burocráticas, coas que se atopan os músicos no seu día a día. Unha delas, xerada pola intermitencia da propia actividade musical e só en parte liquidada coas diferentes medidas que progresivamente van conformando o (mal chamado) Estatuto do Artista, é a relativa ás bases de cotización e aos días cotizados para poder acceder ás prestacións da seguridade social. A continuación, María Paz García Rubio, Catedrática de Dereito civil desta casa, centrou a súa intervención en como se proxecta a liberdade de creación artística nos contratos, que poden ser de moi diversa natureza. Analizou os remedios que procederían fronte a quen incumprise o contrato –xa fose o artista, xa a outra parte contractual–, utilizando exemplos chegados aos tribunais españois nos que, nalgún caso, se chegou a declarar o incumprimento esencial por parte da empresa de edición musical por non render contas ao músico demandante, acordando o tribunal a resolución do contrato. Por último, o avogado Martín Bello Castro finalizou a sesión explicándonos de forma pormenorizada o funcionamento das entidades de xestión de dereitos de autor e dereitos conexos, como os pertencentes aos artistas intérpretes. Partiu dunha análise en tres “capas” –composición, interpretación e gravación–, explicando os distintos conceptos polos que se pode ser titular de dereitos de propiedade intelectual, así como as diferentes licenzas que se deben solicitar para o uso lexítimo das obras ou interpretacións, ou as diversas tarifas aplicadas polas entidades de xestión.
O xoves 2 de xullo comezamos coa terceira mesa, dedicada á regulación do ensino musical, que foi moderada pola profesora de Dereito civil da USC Margarita Herrero Oviedo. O profesor Antonio Embid Irujo, Catedrático emérito de Dereito administrativo da Universidade de Zaragoza, preparou unha presentación na que analizou o estado de desenvolvemento da Lei de ensinanzas artísticas superiores aprobada en 2024, á vez que comparaba esta regulación coa presente en Alemaña, país no que atopamos ditos ensinos tanto no propio seo da Universidade como nas denominadas Musikhochschulen, escolas superiores de música. Desde unha perspectiva práctica, a pianista acompañante e profesora de piano do Conservatorio profesional de Música de Santiago, ademais de membro do grupo musical “Catro Quince”, Alejandra Escolante Mujico, falou da súa experiencia como profesora e á vez intérprete, e das dificultades que actualmente existen para compaxinar as facetas docente e interpretativa.
A segunda mesa da mañá, moderada pola alumna colaboradora do curso Lucía Rodríguez Lema, dedicouse a analizar a fiscalidade e o réxime laboral da actividade musical. En primeiro lugar, o Catedrático de Dereito financeiro da USC César García Novoa analizou o tratamento fiscal vantaxoso do que dispón a actividade musical en tanto que expresión cultural, por exemplo, no que se refire aos incentivos para produtores de espectáculos musicais. Tamén puxo exemplos de diferentes tipos de tributación segundo os casos, tendo en conta se a actividade musical se exerce por conta propia ou allea, ou se se trata de grupos constituídos como empresas. Pola súa banda, a profesora de Dereito civil desta casa Julia Ammerman Yebra explicou as diferenzas entre a contratación por conta propia e por conta allea, así como as novidades introducidas na lexislación sobre artistas, poñendo énfase no Proxecto de Real Decreto polo que se regula a relación laboral especial de artistas, e que substituirá ao RD 1435/1985.
A sesión da tarde do xoves, como en anos anteriores, estaba reservada a unhas charlas e a un concerto na Igrexa da Universidade. Neste caso, contamos cos organistas Marisol Mendive e Paulo Bernardino. A primeira, concertista e profesora de órgano no Conservatorio de Ourense ata o ano 2023, falou sobre a versatilidade do órgano ibérico na interpretación da música tradicional galega. Fixo un percorrido polos diferentes adornos –quebros, requebros, trilos, mordentes…– cos que se poden enriquecer as melodías, e comentou as diversas formas e ritmos da música tradicional que se poden trasladar ao instrumento, todas elas cuestións que despois puidemos observar nas pezas que interpretou ao órgano. O compositor, organista de Coímbra e profesor de dirección coral Paulo Bernardino, explicou o funcionamento da zanfona, o seu uso na música tradicional e a súa conxugación cos diferentes sons dun órgano. Durante o concerto que seguiu a estes relatorios puidemos escoitar o órgano só, interpretado por Mendive, pero tamén acompañado da zanfona ou do acordeón tocados por Bernardino, nun programa con música que combinou música tradicional, clásica e mesmo contemporánea. Os asistentes puideron escoitar a obra de Bernardino “Canticum Valendicendi”, composta con reminiscencias ao fado Balada da despedida do 5º ano xurídico da Universidade de Coímbra (curso 88/89).
O terceiro e último día do curso dedicámolo, como en anos anteriores, a analizar o fenómeno interpretativo, neste caso desde o punto de vista musical, dado que en edicións previas o foco estivo posto na especialidade xurídica. O profesor Paulo Bernardino, cunha charla titulada “Do Son ao Misterio: Camiños de hermenéutica na Música Sacra”, falou de diferentes figuras simbólicas que podemos atopar na música sacra se se analizan pormenorizadamente as partituras, para o que utilizou interesantes exemplos –como o Coral O Mensch, bewein dein Sünde Groß, ou o Kyrie do Réquiem de Mozart– que puidemos escoitar durante a súa intervención.
Finalmente, a última mesa do encontro virou cara ao eido internacional, contando con dous profesores de Dereito internacional privado, Irene Merino Calle, da Universidade de Valladolid, e José Núñez Cerviño, desta casa, a quen moderou Javier Maseda Rodríguez, profesor da mesma rama xurídica da Universidade de Santiago de Compostela. Ambos os relatores partiron dun coñecido caso eurovisivo no que podería plantexarse a existencia dun plaxio entre artistas, para analizar cuestións de competencia xudicial e lei aplicable nestes casos.
Ao igual que sucedeu nas mesas anteriores, o debate entre os alumnos asistentes e os docentes foi intenso, unha constante nestes cursos onde as diferentes procedencias dos alumnos e dos académicos enriquecen os coloquios, tanto dentro como fóra do horario lectivo. Durante a clausura, a directora do grupo De Conflictu Legum, María Paz García Rubio, e a directora do curso de verán, Julia Ammerman Yebra, desexaron poder celebrar máis encontros en anos vindeiros, agradecendo tanto á Área de Cultura da Universidade como a todos os participantes no curso –profesores, alumnos, moderadores e membros do grupo de investigación– a súa enorme implicación para que esta cita estival chegase, unha vez máis, a bo porto.