A PROFESORA MARÍA PAZ GARCÍA RUBIO PARTICIPA EN LANZAMENTO DE NOVELA EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

13 de Febreiro de 2024

A noite do pasado martes 13 de febreiro, a catedrática de Dereito Civil e investigadora do Grupo de Conflictu Legum María Paz García Rubio, participou na presentación do libro “O último concerto”, que levou a cabo no Pub Momo de Santiago de Compostela.

A novela conta unha historia inspirada nun caso de fake news e que tenta romper estereotipos sobre a xente maior. É unha novela contra o idadismo, no que o tema está tratado con fortes doses de humor. Os seus protagonistas móvense entre diferentes localidades galegas e portuguesas, e todo se sazona con boas doses musicais grazas ao seu polifacético autor, Xaime Fandiño.

A profesora foi convidada a escribir un epílogo, e en xeral a dar a súa opinión sobre os temas de persoas con discapacidade que aborda o libro, en atención á reforma operada pola Lei 8/2021, e así dar conta do gran avance que esta supuxo para a consideración das persoas con discapacidade con igual capacidade xurídica que o resto das persoas, sen distinción algunha.

A actividade contou con música en vivo interpretada polo propio autor, e coa participación de María Vázquez, xenial actriz galega e recentemente nomeada aos premios Goya pola película Matria, na categoría de mellor actriz protagonista.