A señora Bennet tiña razón
Mirando a Jane Austen dende outros ángulos
As profesoras Guzmán González, de filoloxía inglesa da Universidade de León, e García Rubio, desta casa e grupo de investigación, deleitáronnos o venres 14 de novembro cunha amena charla sobre a escritora inglesa. Organizada no ciclo “Conversas Bandini" pola librería Bandini, rexentada por Óscar Porral (en Avda. da Peregrina, Bertamiráns), e polo grupo De Conflictu Legum, a actividade quixo ser un tributo ao 250 aniversario do nacemento de Jane Austen que este ano se celebra.
As profesoras debullaron varios aspectos da vida e escritura da autora, así como algunhas institucións xurídicas que máis frecuentemente aparecen nas súas novelas. A profesora Trindade Guzmán comezou analizando a súa rica linguaxe, un inglés típico da familia da que procedía (“unha familia entre a baixa nobreza e burguesía con posibles”), pero extremadamente traballado, destacando a meticulosidade de Austen á hora de escribir e corrixir os seus traballos. Terminou a súa intervención léndonos varias frasesque destilaban á perfección a ironía inglesa tan ben plasmada pola escritora ao describir a algúns dos seus personaxes (“Non era unha muller de moitas palabras, porque a diferenza de moitas persoas, ela axustaba a cantidade ao número das súas ideas”), chegando mesmo ao “sarcasmo feroz” nalgunhas pasaxes das cartas que se conservaron
Pola súa banda, a profesora García Rubio tomou o comezo do capítulo sete de “Orgullo e prexuízo” como exemplo da complexidade das institucións xurídicas, señaladamente as hereditarias, que se reflicten na obra de Jane: “A case totalidade das propiedades do señor Bennet conformábaa unha leira que ofrecía dous mil libras anuais de renda. Por desgraza para as súas fillas, a falta de herdeiro home a leira estaba vinculada a un parente afastado”. E é que naquela época (estamos a falar de finais do século XVIII) era moi frecuente que a transmisión hereditaria das terras, con todo o que estaba sobre elas, estivese vinculada aos homes, normalmente os primoxénitos e, na súa falta, aos sucesivos, mesmo de liñas colaterais, quedando as mulleres apartadas das propiedades inmobiliarias que daban status e liñaxe. Por iso, a falta dun fillo home, a propiedade do Sr. Bennet non pasaría a ningunha das súas cinco fillas, senón a un sobriño afastado. Aínda que este tipo de figuras hereditarias eran variadas e complexas, e sempre salvando as distancias, podería dicirse que o Sr. Bennet era un mero usufructuario vitalicio, sen poder dispoñer das terras en vida, nin para vendelas nin para deixalas en herdanza, sendo Mr. Collins, un nó propietario ata o falecemento do seu tío. Estas cuestións deron pé á profesora de Dereito civil a falar da institución dos morgados, desaparecidos durante o S. XIX no ordenamento español (e no dereito comparado continental, por influencia dos ideais da revolución francesa), pero que, na práctica, aínda contra legem, seguiron vivos por un tempo.
En definitiva, esta “Conversación”, á que asistiu un nutrido público, puxo de relevo, desde dúas perspectivas orixinais, o talento e o valor literario e histórico-xurídico dunha escritora hoxe plenamente recoñecida, animando sobre todo ás xeracións “novas” a penetrarse na súa lectura.