Comparecencia de Mª Paz García Rubio ante a Comisión de Xustiza sobre o Proxecto de reforma en materia de capacidade xurídica

20 de Outubro de 2020

O pasado martes día 20 de outubro de 2020, María Paz García Rubio compareceu como experta ante a Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados para informar, na súa condición de membro da Comisión de Codificación, sobre o Proxecto de lei de reforma da lexislación civil e procesual en materia de capacidade xurídica; proxecto que persegue adaptar o ordenamento xurídico español ao artigo 12 da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada pola ONU o 13 de decembro de 2006.

A Dra. García Rubio destacou a importancia do seu artigo 12, verdadeiro “corazón” da Convención, por canto recoñece a plena capacidade xurídica a todas as persoas, con e sen discapacidade, entendendo por capacidade xurídica tanto a posibilidade de ser titular de dereitos como a capacidade para o seu exercicio; idea que o ordenamento xurídico español, aínda que doce anos despois de ditada a Convención, trata de adoptar con este Proxecto. Os outros dous puntos clave da reforma, como ben explicou a experta, son o concepto de apoio, que non debe ser sustitutivo da vontade, e salvagarda dos desexos e preferencias da persoa con discapacidade, que non ten por que coincidir co seu mellor interese. García Rubio insistiu sobre a importancia de considerar a prioridade das medidas de apoio de natureza voluntaria e sobre a comprensión da curatela como unha figura asistencial, e só moi excepcionalmente representativa, e practicamente en ningún caso sustitutiva.

Por último, sinalou algúns dos extremos sobre os que o lexislador deberá pronunciarse, por ser unha cuestión de política xurídica, como é o de considerar ou non que a persoa poida prescindir dos apoios; ou a necesidade de aprobar, nun futuro próximo e por medio dunha Lei orgánica, a reforma sobre os internamentos forzosos. Tras a súa exposición e as preguntas de varios membros da Comisión de Xustiza, a Dra. García Rubio reiterou que a filosofía do proxecto é acorde coa Convención da ONU, polo que, de non estar de acordo coas súas liñas xerais, non se trata de facer emendas ao Proxecto, senón que habería que “denunciar” a Convención, o que chocaría co feito de que España foi dos primeiros países en asinala. Doutra banda, a doutora deixou apuntados varios axustes técnicos que poderían facerse para mellorar o Proxecto, por exemplo, no que se refire a reforzar a idea de que as institucións voluntarias son as centrais do sistema, ou sobre os diferentes casos que poderán darse á hora de considerar a nulidade ou anulabilidade dos contratos celebrados por persoas con discapacidade.