Intervención da profesora García Rubio nas Primeiras Xornadas da Comisión Xeral de Codificación en Madrid

13 de Xullo de 2023

O pasado 13 de xullo, María Paz García Rubio (Catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela, Vogal permanente da Sección Primeira da Comisión Xeral de Codificación do Ministerio de Xustiza e presidenta da Comisión Xubilar) participou nas Primeiras Xornadas da Comisión Xeral de Codificación, celebradas na sede do Ministerio de Xustiza, en Madrid.

A Sección Primeira do evento, relativa ao Dereito civil, tivo como obxectivo a presentación da Proposta de Reforma para a Modernización do Código Civil español en materia de Obrigacións e Contratos, realizada por unha Subcomisión ad hoc composta polos profesores Antonio Manuel Morais Moreno como presidente e Teodora Torres, Francisco Oliva, Nieves Fenoy e Mª Paz García Rubio como vogais. Estas dúas últimas, xunto co Presidente da citada Subcomisión, fixeron a presentación oficial desta Proposta, que próximamente será publicada de forma oficial polo Ministerio de Xustiza.

A presentación da profesora García Rubio centrouse na reforma no ámbito da teoría xeral do contrato, citando a nova noción de contrato, na que se prescinde, entre outros, dos conceptos de obxecto e causa e se destaca a importancia dos principios de liberdade contractual e boa fe. Abordou tamén a cuestión da introdución do desistimento e a denuncia como modos de desvinculación dunha relación contractual, da relevancia normativa do período precontractual, da recollida no Código dos contratos con condicións xerais e da nova regulación da nulidade e a anulabilidade, así como doutras cuestións de relevancia.

Sinalou a profesora:

“Con todas as dificultades que nos atopamos, tentamos construír unha teoría xeral da obrigación e unha teoría xeral do contrato asimilables as do resto de países da nosa contorna. Evidentementen en moitas cousas, estas reformas están inspiradas no que xa se fixo en Europa e nestoutros países, pero tamén en gran medida tratando de respectar nosa propia tradición xurídica e o que é a realidade dos nosos tribunais (…)”

Pode ver o vídeo da actividade facendo click aquí.