Tres profesores do Grupo de investigación debaten sobre IA e a súa aplicación no ámbito farmacéutico e sanitario na Real Academia de Farmacia de Galicia

3 de Abril de 2024

O pasado 3 de abril, o Salón de Graos da Facultade de Farmacia acolleu unha nova xornada organizada pola Real Academia de Farmacia de Galicia. Baixo o título “Cara a unha regulación europea da IA. Especial referencia á aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito farmacéutico e sanitario”, a mesa redonda desenvolveuse coa participación da profesora María Paz García Rubio, quen realizou unha presentación xeral sobre o Regulamento de Intelixencia Artificial aprobado recentemente pola Unión Europea e que se publicará inminentemente no DOUE; Julia Ammerman Yebra, quen enfocou a ponencia sobre o Regulamento desde a protección dos dereitos humanos, en particular a súa relación coa saúde humana; e Javier Lete Achirica, que ilustrou aos alí presentes sobre os cambios previsibles en materia de seguridade e responsabilidade por produtos, con especial atención aos medicamentos e produtos similares.

 

O doutor Manuel Puga Pereira, Académico de Número e presidente da sección III da RAFG, foi o encargado de moderar este debate ao que acudiron numerosos membros da Academia de Farmacia galega, persoas do mundo da Medicina e do Dereito, así como estudantes e investigadores. Tras as tres ponencias estableceuse un diálogo co público; entre outras cuestións, saíu a colación o ámbito de aplicación que terá este Regulamento, os cambios que poida xerar a nivel sanitario e farmacéutico, algún programa que xa utiliza a sanidade galega con IA e a súa dubidosa adaptación aos postulados do Regulamento, ou a responsabilidade por utilizar programas e sistemas con IA no ámbito sanitario.