Las madres solas ante los tribunales, la administración y las leyes

¿Se perpetúa la discriminación?

ISBN: 978-84-9169-692-6 Editorial: Tirant lo Blanch Año: 2017
Autor/a: Julia Ammerman Yebra.

Cecilia coñeceu a Jorge en Madrid, cando el estudaba terceiro de Dereito. Por todos era coñecido que eran noivos. Ela quedouse embarazada, pero para cando tivo ao bebé xa romperan a súa relación. Aínda que Jorge admitiu a súa paternidade durante o embarazo, no momento do nacemento dixo que neses momentos non quería saber nada. Cecilia, soa, tivo que coidar, manter e educar á súa filla, pois Jorge non fixo caso aos seus requirimentos para que a recoñecese e cumprise os seus deberes como pai. Ademais, Cecilia tivo problemas cos seus proxenitores por mor do seu embarazo, que fixeron que se marchase do domicilio, tendo que buscar ocupacións ocasionais para poder manter á nena. Cando se decatou de que Jorge non se faría nunca cargo da nena, xa pasaran 13 anos dende o nacemento da súa filla. Interpuxo unha demanda para que se declarase a paternidade de Jorge a favor da súa filla e se acordáse fixar unha cantidade de diñeiro mensual en concepto de alimentos. Jorge negouse a recoñecela e a someterse a facer a proba biolóxica de paternidade. O relato anterior é o punto de partida do traballo As nais soas ante os tribunais, a administración e as leis. Perpetúase a discriminación?, no que a autora denuncia, tras desgranar dende unha perspectiva xurídico-feminista a historia de Cecilia e de diversos casos acontecidos durante os anos 2016 e 2017, o desamparo no que quedan moitas nais soas tras ser desoídas nas súas xustas reivindicacións sobre cuestións que incumben á maternidade. Así, entre outros temas, cuestiona a doutrina do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo que non concede efectos retroactivos á petición de alimentos realizada pola nai a favor dos seus fillos menores cando os estivo satisfacendo en solitario, estimando a autora que existen razóns xurídicas suficientes para admitir, como se fai noutros ordenamentos, esta retroactividade. Doutra banda, lamenta certa liña xurisprudencial que ante a negativa do pai a realizar a proba biolóxica, non declara a paternidade reclamada. Ademais, critica a postura da administración que interpreta algunhas normas de carácter sectorial destinadas a apoiar ás familias de xeito discriminatoria para o modelo de familia monoparental por decisión voluntaria. Finalmente, pregúntase se a composición maioritariamente masculina dos órganos xudiciais superiores non inflúe no que considera unha escasa sensibilidade destes órganos ante os dereitos das mulleres que se enfrontan soas ao reto da maternidade.
Vexa todo