O grupo De Conflictu Legum (DCL)
A institucionalización na USC da categoría «grupo de investigación» como unidade básica e nuclear da investigación universitaria foi a escusa para formalizar o que existía de facto desde facía uns quince anos: un grupo de persoas traballando en común en diversos ámbitos do Dereito privado, máis aló do constrenximento das aínda hoxe vixentes áreas de coñecemento. Investigadores do Dereito internacional privado e do Dereito cunha traxectoria consolidada. Un grupo de investigadores do Dereito internacional privado e do Dereito civil cunha traxectoria consolidada e con relacións máis aló do estrito ámbito académico con outras profesións xurídicas (xuíces, fiscais, notarios, rexistradores) cos que intercambiar inquietudes e coñecementos.
O tránsito cara a De conflictu legum (GI-1147 da USC) apenas supuxo encher un formulario informático, asumindo o nome da colección de monografías xurídicas que editamos desde o ano 2000. E se a denominación quizais foi casual na colección (inspirada na obra de Ulrich Huber, De Conflictu Legum Diversarum in Diversis Imperiis), a referencia ao Grupo convértea nunha declaración de intencións. A nosa investigación xurídica ten por obxecto o mundo. Desde o máis próximo Dereito civil galego ata os esforzos internacionais de unificación ou harmonización do Dereito privado, pasando de forma moi especial pola Unión Europea.
En 2006 De conflictu legum participou na primeira convocatoria do Programa de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, en réxime de concorrencia competitiva, promovido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Fomos o único grupo de investigación xurídica da Comunidade Autónoma acredor dunha axuda como Grupo de Referencia Competitiva. Esta singularidade foi repetida na última convocatoria na que participamos (2021).
Durante un tempo o Grupo creceu, incorporando novas investigadoras principais, investigadoras Juan da Cerva e novos investigadores e investigadoras en formación. Este crecemento, con todo, está a dar paso a unha freada na consolidación de persoas de valía, nun alarde de escapismo argumental entre as sucesivas crises e a incompetencia ou a incapacidade das autoridades nacionais, autonómicas e da propia USC para reter o talento.
A calidade e solvencia do Grupo acredítanse, a pesar de todo, na continuada formación de novos investigadores, nunha produción científica en continuo crecemento, na ininterrompida e consistente captación de recursos externos que suplen as moi escasas dotacións ordinarias, no mantemento duns envexables fondos bibliográficos, nos vínculos estables con outros gremios xurídicos e con investigadores doutras Universidades, na organización de congresos, xornadas e seminarios sobre temas de actualidade, ou no atractivo crecente que xeramos para investigadores visitantes nacionais e estranxeiros que valoran o traballo no seo do Grupo.
Nesta páxina web proporciónase información sobre a singularidade do Grupo De conflictu legum, as súas actividades e resultados. Un Grupo que mantén o pulso do seu compromiso coa investigación punteira a pesar de todos os factores institucionais que reman na súa contra.