M.ª Paz García Rubio recibe a Medalla de honra do Colegio de Registradores

8 de Febreiro de 2023

María Paz García Rubio, catedrática de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela, Vogal permanente da Sección Primeira (Dereito civil) da Comisión General de Codificación do Ministerio de Justicia e presidenta da Comisión Jubilare, recibiu o pasado día 8 de febreiro a Medalla de Honra do Colegio de Registradores de España

Mediante un acto que se celebra anualmente coincidindo con o aniversario da promulgación da Lei Hipotecaria de 1861, recoñécese o traballo dos rexistradores en labores corporativos e o das persoas e institucións que traballan polo fortalecemento do Estado de dereito.

García Rubio agradeceu o recoñecemento que este galardón supón, por extensión, ao labor da Universidade e da Comisión General de Codificación. Destacou o privilexio que para ela representa as súas case catro décadas de vida profesional dedicada a ensinar Dereito e estudar Dereito para que outros aprendan, reivindicou o traballo calado e bastante descoñecido socialmente da Comisión de Codificación e, en particular, puxo o acento na importancia da Sección Primeira desta institución; sección encargada da revisión e renovación do Código civil de 1889 que, aínda que non é tan mediático como outros, é en verdade o que afecta directamente as persoas no seu día a día.