[Seminario] Aproximación Jurídica a los artistas escénicos callejeros - Jueves 4 mayo

Información del evento
Lugar:
Facultad de Derecho USC
Dirección:

Sala de profesores, Facultad de Derecho

Inicio:
4 de Maio de 2023
Finalización:
4 de Maio de 2023

O xoves 4 de maio de 2023 tivo lugar o III Seminario do Proxecto “Artistas marxinais: propostas de regulación xurídica para un colectivo esquecido”, froito da Bolsa Leonardo para Investigadores e Creadores Culturais 2022. Baixo o título “Aproximación Xurídica aos Artistas Escénicos Rueiros”, reunimos na Facultade de Dereito da USC (e tamén de forma virtual) a numerosos expertos e interesados no tema. De novo, como vén sendo habitual nestes seminarios, á visión xurídica sumamos a artística, dado que estaban presentes varios intérpretes que habitualmente tocan e bailan nas rúas tanto da nosa cidade, Compostela, como doutras españolas e europeas.

Como introdución ao seminario, a Catedrática de Filosofía do Dereito da USC, Milagros Otero Parga, avogou por volver darlle ás Artes e ás Humanidades a centralidade que tiveron na Universidade de outrora, fuxindo de modelos mercantilistas de ensino universitario e apostando pola formación dun alumnado crítico. A continuación, Julia Ammerman Yebra, profesora axudante doutora de Dereito civil, deu unhas pinceladas sobre o labor que tiveron os xograres na Idade Media; o feito de que no noso país sigamos prestando moita máis atención ao visual que ao sonoro; e preguntouse se cabía contemplar ás manifestacións de arte rueiras como patrimonio cultural das cidades.

A segunda parte do seminario centrouse nos aspectos xurídicos de maior incidencia nestas manifestacións artísticas. Por unha banda, Alejandro Nieto Cruz, Doutorando de Dereito civil da Universidade de Cádiz, comentou aqueles aspectos máis relevantes da propiedade intelectual para os intérpretes rueiros, advertíndonos que aínda que a LPI está centrada naqueles artistas que gravan a súa actuación, e non tanto nos que actúan en directo, si que hai preceptos da lei plenamente aplicables. María Pilar López García, xestora de proxectos en Smartib, ademais de ilustrarnos sobre todas as cuestións que hai que ter en conta á hora de xestionar a actividade dos intérpretes rueiros (desde a súa fiscalidade, ata protocolos de seguridade, prestacións sociais, así como as novidades que trouxo consigo o Estatuto do Artista) puxo sobre a mesa diversos casos reais chegados á cooperativa Smartib. Para finalizar esta primeira parte, Alejandro Platero Alcón, Profesor contratado doutor de Dereito Civil da Universidade de Estremadura, fixo un percorrido por máis dunha decena de cidades e expúxonos a súa regulación (ou ausencia de regulación) en torno á arte rueira.

A terceira parte do seminario estivo dedicada ás experiencias artísticas de dous intérpretes, Mano Pereira e David Uclés. O primeiro, como gaiteiro do Arco do Palacio de Xelmirez, expuxo o día a día de tocar nun lugar tan emblemático, as normas actuais ditadas polo Concello e algunhas problemáticas coas que se atopou ao longo da súa vida artística. David Uclés, acordeonista, guitarrista e arpista, pola súa banda, falounos da súa experiencia como intérprete en multitude de cidades españolas e europeas, mostrándonos algunhas diferenzas notables tanto no público como na normativa que lle era aplicable.

Por último, demos paso a un coloquio entre o resto de participantes do seminario, tanto daqueles que se atopaban fisicamente na sala, como daqueles que participaban de forma virtual. Así, contamos coa participación, entre outras persoas, de María Paz García Rubio, Carlos Villanueva Abelairas, Joam Trillo, Margarita Herrero Oviedo, Antonia Nieto Alonso, Hernán Cortez López, Danae Lobos Arévalo, Alba Enríquez, Ernesto Sarrión ou Miguel Gendre.

Pode consultar o programa completo aquí.